martes, 14 de abril de 2009

XOSÉ A. NEIRA CRUZ, UNHA LITERATURA QUE RESTAURA SILENCIOS



Biografía
Xosé Antonio Neira Cruz naceu en Santiago de Compostela en 1968. É doutor en Ciencias da Comunicacióne licenciado en Filoloxía Italiana. Traballou como xornalista en La Voz de Galicia e tamén como guionista en programas infantís da Televisión de Galicia. Foi fundador e é director da revista Fadamorgana, e colabora coas revistas CLIJ e portuguesa Malasartes. Entre 2000 e 2004 foi miembro do Comité Ejecutivo de IBBY e actuamente é o comisario do próximo 32º Congreso de IBBY, que se celebrará na cidade de Santiago de Compostela, e que ten como lema A forza das minorías. Na actualidade, imparte clases na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.
Traxectoria
Xosé A. Neira Cruz é un dos autores galegos máis premiados, dende o seu primeiro premio Merlín, gañado con só 20 anos pola obra Ao outro lado do sumidoiro, ata a selección feita polo Banco del Libro de Venezuela pola súa obra O armiño dorme, seleccionado entre os mellores libros do mundo, pasando polo Barco de Vapor, o Raíña Lupa, o Lazarillo, o Barriga Verde de textos teatrais, etc. Autor de libros como: Melanio e os paxaros, Valdemuller, Ò outro lado do sumidoiro, Os ollos do Tangaleirón As cousas claras, O armiño dorme, A viaxe a Compostela de Renato Ratoni, a obra de teatro A noite da raíña Berenguela, O home máis rico do mundo, A caixa do tesouro, A memoria das árbores, Eu son adoptada, e que?, Unha chea de familias, Mambrú cociñeiro de perfumes, Gatos e Leóns, Los libros de la almohada, O debut de Martino Porconi, O prodixio dos zapatos de cristal, Un bico de amor e vida, Violeta non é violeta, etc. Como poeta foi gañador do premio Fiz Vergara Vilariño polo seu libro De esparto e seda, publicado en Espiral Maior, no ano 2008.
Estilo
O seu é un estilo persoal que inicia a súa andadura literaria apostando por un realismo marabilloso ao estilo cunqueiriano, que bebe do Ramón Lamote de Paco Martín, encarnado nese Martiño Pedreira, (Ao outro lado do sumidoiro) un personaxe que imaxina o mundo tras unhas enormes gafas negras. Virán logo obras que rescribe unha literatura necesaria, na que se restauran silencios obrigados e agravios cometidos arredor do invisible mundo das mulleres. Son títulos como Valdemuller, As cousas claras, Os ollos do tangaleirón, etc, coas que o autor crea unha literatura con rostro feminino e presta voz a rapazas moi diferentes entre si, tanto polas súas situacións persoais como pola súa mirada do mundo, pero que teñen en común ese desexo de descolonización do canon do patriarcado. Estas obras contribúen e asentan en grandísima medida á consolidación nos anos 90 dunha literatura na que a muller como protagonista adquire un espazo de seu. Son as súas unhas heroínas que loitan en solitario: Mina, Bía, Marga, Lena, nomes que se rebelan contra a educación tradicional da muller, contra os roles herdados dun mundo castrador de liberdades e que camiñan en busca da propia identidade. Outra das características da súa obra é a creación de personaxes tocados por unha especie de fatum tráxico que os –quizais deberiamos dicir as- aprisiona nun mundo que non lles satisfai. A Marga por motivos éticos, a Lena por cuestións ecolóxicas, a Mina por razóns biolóxicas, a Bía pola súa condición social, no entanto, en esencia, todos estes personaxes teñen moito en común porque todos cuestionan e negan aqueles dogmas de comportamento que a maioría acepta sen cuestionamento posible. E todos os seus personaxes viven, sofren e loitan para modificar os termos dunha dominación. Tamén en todas esas novelas o concepto de familia tradicional é revisitado, revisado. Os seus roles, a necesidade dun cambio que descosa moldes. Tras os muros do pazo ducal, na intimidade dos seus cuartos, en forma de veladas confidencias tras unha pantalla de ordenador, nos murmurios da aula, nas fendas dun espazo público nunca suficientemente conquistado, non importa, o que si interesa, é berrar, deixar constancia da necesidade de dicir o que non gusta porque non permite a liberdade individual e ética. Hai tamén nestas heroínas protagonistas unha aposta por un novo modo de ser femenino que non consista en compracer os homes cunha actitude sumisa e abnegada dentro da monotonía cotiá, a imposición da Igrexa, as ensinanzas dun sistema educativo balorecido ou unha estrutura familiar constritora. A súa é tamén unha escrita de denuncia, ou escribir –ou reescribir a historia- para modificar os cimentos sociais. Ensinar a pensar, a reflexionar, ensinar a vivir. As súas novelas son tamén unha teorización sobre o tema do amor e do desexo, entendido o encontro con ese outro que nos complementa a partir dunha subxetividada diferente, dunha percepción da illa que somos e que nos negamos a abandonar. Amar sendo sempre illas que navegan nun mar común. Pero quizais, a esencia da súa obra estea nas estratexias que a humanidade inventa para lograr a felicidade. É esta sempre unha felicidade sutil, lene, moderada coma unha brisa, nunca coma a explosión dunha tormenta; unha felicidade que se disfraza de saudade, de sosego, como se se agochase na intención dun sorriso, no goce sen solemnidade dunha tarde que pasa coa levidade de non querer ficar, ensinándonos que non hai que aferrarse a ela, nin perseguila, senón desfrutar da fermosura desas cousas pequenas que se aproximan con liviandade. Outra das características é esa presenza dos seres míticos e o trasmundo máxico que o ligan á literatura galega de tradición oral; sería esa danza coral das bruxas en Valdemuller ou na mesma obra as mouras que se bañan no río; o tangaleirón en Os ollos do Tangaleirón, a botadora de cartas que presaxia a morte en O armiño dorme ou esa pega fantasmagórica que é o espírito do mal, unha dona Urraca histórica que goza facendo o mal, en A noite da raíña Berenguela; ou ese visionario que se agocha en todas as súas novelas baixo distintas máscaras. O vidente, o demiúrgo que todo o coñece e sente por iso vertixe. É ese tangaleirón sen pálpebras, a tía Estrela, Mon, El Bronzino, o mendigo o vello das pombas...

No hay comentarios:

Publicar un comentario