lunes, 20 de abril de 2009
MULTICULTURALIDADE E MINORÍAS
MULTICULTURALIDADE E MINORÍAS
FRAN ALONSO, o viaxeiro con mirada de poeta.
Fran Alonso defínese a si mesmo como “curioso por definición”, pois, por definición, “curioso é todo aquel ser que amosa desexo de saber, de aprender e aprehender, de coñecer cousas novas”. Así, o poeta revela que atopou no coñecemento que dá a viaxe un dos mellores xeitos de saciar a súa curiosidade.
Viaxe e curiosidade intelectuais polos territorios da política e da cultura galegas, como deixa constancia nese seu último libro: Un país a medio facer, libro que supón un acercamento á nosa cultura dos últimos vinte anos, con entrevistas realizadas a comezos dos 90 a varios dos axentes máis activos da nosa cltura –Manuel Rivas, Dario Xoán Cabana, Paco Macías ou Méndez Ferrín-, contrastadas con outras feitas vinte anos despois, nun intento de extraer as claves do noso presente. No libro Un país a medio facer Fran Alonso fálanos tamén de cómo ve a Galicia de 2010; da necesidade de continuar un traballo de base coa promoción da lectura, a visibilidade da nosa literatura, a madureza da escrita en galego e outras reflexións froitos das reflexións e experiencias das políticas de edición, e fálanos tamén dende unha plataforma privilexiada, a de editor, e a de vicepresidente da AGE. Esa vaixe intelectual polos territorios da nosa xeografía política, social e cultural dos últimos vinte anos compleméntase con esoutra faceta súa, a de viaxeiro impenitente polas engurras do planeta terra, que o levaron aos territorios máis insólitos e diversos. Así, viaxou por toda Europa para escribir a comezos dos anos 90 a que sería a súa primeira obra, Tráiler, unha aproximación á vida e ao mundo dos camioneiros. Premio Blanco Amor de Novela. Da súa experiencia dos campamentos de refuxiados en Tinduf, tirou reflexións nun libro titulado Territorio ocupado, libro que conta a inxusta situación que vive o pobo saharauí. A viaxe por Centroamérica, onde convive coa guerra de guerrillas e a dureza e presenza da selva, serviralle de inspiración para escribir O brillo dos elefantes, finalista do II Premio de literatura Infantil Raíña Lupa, e no que coñecemos na voz dun neno, dunha aldea chamada Matagalpa, as durezas dunha vida marcada por unha guerra non declarada, o valor da palabra, da man dese mestre Taquín, que esperta nos poucos alumnos que ten o desexo do coñecemento e lles ensina a escorrentar o medo a Carreta Nagua, unha especie de espírito centroamericano da morte, un deus que percorre cada noite os camiños de Matagalpa para procurar os espíritos dos mortos e levalos canda si, como aquí a nosa Santa Compaña. Tamén como resultado desa viaxe á infancia, ao pasado para reencontrar o neno que foi, e que perdura ou aflora no home que é agora, este viaxeiro marcado pola experiencia de ver, de aprehender o OUTRO, coa mirada doutros territorios nace o poemario xuvenil Cidades, Premio Rañolas ao millor libro infantil e xuvenil do ano (1997), Accésit do Premio Lazarillo e, sen dúbida, un dos mellores libros de poemas para rapaces que se teñen publicado en Galicia. Este viaxeiro incansable con mirada de poeta que é Fran Alonso, pon a súa mirada comprometida e a súa pluma na defensa dos máis febles, e deixa constancia neste libro da fraxilidade da existencia nun ton ao mesmo tempo derrotado e esperanzador. Derrotado pola saudade daquel eu que se perdeu en cidades de mar, con cheiro a sal e pupitres de vetas de madeira viva, ou auga gorda; esperanzador, pola alegría de poder ser o “contemplador activo” dun mundo fermoso, diverso e controvertido, e polo pracer que consiste a vida, vivir lendo, indo de cámping, durmindo sobre a herba e mirando as estrelas, bañarse no mar, sentar nunha praia pola noite, escoitar o mar, abrir as ventás e sentir o cheiro a salitre… o pracer de perderse polas rúas e c oñecer os peixes das cidades que morren aos poucos…
Fran Alonso cultivou tamén a súa vea de poeta para adultos, con ese insitnto da beleza, da palabra estética ao servizo dunha causa, en obras como A lúa no probador, Persianas, pedramol e outros nervios ou Tortilla para obreiros.
Fran Alonso tamén traballa como editor, sendo responsable de varias coleccións na editorial Xerais, na que ademais desempeña o cargo de subdirector xeral.
Fran Alonso é tamén un dos autores con máis proxección no exterior, como o proba a tradución ao castelán de moitas das súas obras. Recentemente Males de cabeza acaba de ser publicado por Factoría K; ou mesmo o libro seleccionado por este club, Cartas de amor (publicado en galego en 2006), que acaba de ver a luz en castelán, na editorial Algar.
Finalmente antes de deixarvos coa súa palabra, só me gustaría citar unhas palabras do escritor Suso de Toro, “se nacer é descer sobre un lugar e resulta difícil fuxir del”, Fran Alonso desafía esta afirmación demostrando con cada obra que se pode “ser e estar nun país” –o noso- con mirada lúcida e critica ao mesmo tempo e comprender e falar dun mundo alleo e afastado deste, mandendo unha relación íntima doutros lugares, mantendo unha relación íntima ateigada de profunda tenrura e solidariedade.
enlaces: cabrafanada.blogspot.com
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario