martes, 14 de abril de 2009

VISITA VIRTUAL Á FLORENCIA D´O ARMIÑO DORME



<

VISITA VIRTUAL Á FLORENCIA D´O ARMIÑO DORME
O pasado día 5 de marzo iniciamos a nosa andaina como club de lectura da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix Tendendo Redes. Escollemos neste roteiro de lecturas como primeira obra un libro singular dentro da historia da literatura xuvenil galega, O armiño dorme, dun autor xa consagrado dentro deste xénero, Xosé A. Neira Cruz, singular por ser unha das poucas obras de altura literaria que aborda o xénero histórico xuvenil, cunha aposta estética alta, unha profusa e moi ben imbricada documentación histórica, a presentación dun mosaico de personaxes que amosan riqueza psicolóxica que fuxe de maniqueísmos e que se adentra na mirada dun eu que o autor presenta ao lector como se o estivese a ver nu, sen máscaras que poidan disimular o seu xeito de valorar e estar no mundo.


A novela ademais permítenos realizar unha viaxe virtual á Florencia do século XVI, a través das súas rúas e pazos, das súas pontes, do Arno que transita fuxidío pola cidade de Florencia, ofrecéndonos tamén reflexións e citas con outros momentos e personaxes históricos. Así, coñeceremos a través das palabras do autor a Galería dos Uffici, onde se conserva boa parte da obra deAgnolo Bronzino, nado en Forencia en 1503 e morto en 1572. Agnolo Bronzino foi un destacado representante do manierismo renacentista que pasa ao servizo da corte de Cósimo I de Medici cando este devén condottiero de Florencia, converténdose no pintor predilecto do citado duque dende 1539. Bronzino é famoso polos seus retrtos de literatos e membros da familia dos Medici, como por exemplo o de dona Leonora de Toledo, filla do virrei de Nápoles que casa con Cósimo moi pouco despois de que este tivera uns amores clandestinos cunha muller dunha aldea próxima á Florencia. Froito destes amores nace a pequena Bia de Medici, de quen só coñecemos dúas datas, a de nacemento e a de morte, e un cadro, ese que pintará Agnolo Bronzino tendo ela poucos anos de idade, cuxa mirada captivou a atención do escritor Neira Cruz e que dá lugar a esta fermosa ficción novelada na que o escritor reconstrúe, dende a nada practicamente, o que foi a curta vida da princesa bastarda dos Medici. Saberemos das dificultades da súa vida en Palacio, das súa angueiras, aprendizaxes e reflexións e, sobre todo, coñeceremos as arestas de dor de quen naceu para ser peón en mans do seu pai e decide namorar sentindo na propia pel as arestas de dor do amor imposible, esa historia de amor truncado entre Bia e Giulio de Camolia, da nobre cidade de Siena, inimiga incondicional da fermosa Florencia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario