lunes, 22 de junio de 2009

ABECEDARIO DE MARILAR por Ánxela Gracián







ABECEDARIO DAS LETRAS DE MARILAR ALEIXANDRE
por Ánxela Gracián


A de Apaixoada, de Amable ou de Áspera, depende de con quen e con que. A de Aloe vera e de Abidueira, a das cortizas brancas nas que riscar os desexos de Amor. A de Alqueidón, a patria do trasno. A de Ártico e Amazonia, lugares aos que viaxar coa palabra, pero tamén coa experiencia de quen sabe que, coma Ulises, só se chega a Ítaca se a illa existe no noso corazón.


B de Babel, pero non como castigo senón como bendición das linguas Bífidas, coma a de Basilisa, tamén con b, a princesa Batracio.



C de Cidades. Madrid, a Cidade na que naceu e da quen ten saudades, por exemplo, do Cineclube de Areneros onde viu por primeira vez “Freaks”; C de Cidades onde viviu, coma Ceuta, tamén con C, Cidade da quel lembra algunhas árbores, -sen abecedario-: o limoeiro case machadiano ou a figueira dos figos doces do mencer. C de Cidades coma Vigo a das mimosas en flor en decembro e C de Cidades coma Santiago de Compostela onde vive actualmente, e da que non ten saudades, porque non marchou, pero tampouco nos dixo se tería saudades de marchar. C de Cidades nas que nunca estivo e que coñece en soños. E C de Cidades nas que estivo brevemente, coma Donostia, Perugia ou Boston. C de Cee, patria de Toba, C de toda a Costa da Morte que tamén comeza por C. C de Catálogo, pero de velenos menores, eses que de tanto respiralos nos van dando vida aos poucos. C de A Compañía Clandestina de Contrapublicidade (Premio Álvaro Cunqueiro 1998). C de Carapuchiñas e liCántropos, que se deitan xuntos e xogan a Comerse un ao outro coma se se amasen. C de Cazador que, cando atopa Carapuchiñas e lobos abalouCados na mesma Cama, foxe para o máis esCuro do bosque só de pensar en se enfrontar a un lobo namorado.


CH de CHuva, a do monstro, con Pablo Amargo, que tira un paraugas vermello para vencer os medos. CH de CHuva, pero a outra, a que cando orballa nos empapa devagariño ata amolecernos a alma. CH de CHápiro verde, ese lagarto de dous rabos con capacidade para conxurar a maxia. CH de CHapapote, madia leva, o das praias da alma.

D de
Desafío. D Darwinismo. D Decisión. D de Dente para aDentar mazás maDurecidas e peles Desaqueloutradas polo Desexo. D de Deriva. D de Derrotas e D de rotas: a da Resolution, por exemplo, polos mares da ciencia e da liberación de vellas condenas. D de Didáctica, a das ciencias, que ensina na Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela. D de Denuncia, en Cheng-Mai (Tailandia), por exemplo, onde mercar unha rapaza de trece anos custa cen dólares, e cincuenta dólares máis se posúe esa virxindade, tan efémera nos trópicos, porque todo acontece tan rápido como o solpor e aos dezaseis xa é demasiado tarde, porque aos dezaseis, unha muller
xa non vale nada.


E de Esfinxe. E de Edipo. E de Eco, (Umberto Eco) e o outro, o que nos condena a Emitir a Eterna lEtanía librE das Elixidas. E de Edén, o paraíso onde ningunha Eva sexa responsable do pecado de Adán. E de Escaravello e de Escaravellar. De Escaravellos, cando entre semana Estudaba bioloxía e un libro de Edgar A. Poe asomaba por baixo dos grosos tratados de Zooloxía animal. E de Escaravellar, cando, no canto de apañar escaravellos, Enxerga palabras descarreiradas coas que Escaravellar nunha lingua Espúrea que nos vai murchando. E de Escribir para levarnos á Entrada de todos os mundos posibles. E de Eladio Rodríguez, o autor dese dicionario no que dormen as palabras como grandes peixes Ebrios de Engoler o oxíxeno da Escrita.


F de Fábula. F de Fascinación. F de Filosofía. F de Faxia (leteraFaxia, ou animal que se alimenta de palabras). F de Familia e de dolorosas relacións familiares, a da nai, por exemplo, lembrada nese Catálogo de velenos. F de Fouces e Fouciños de Fío Fino, cos que chapodar as inxustizas do mundo, as que se cometen contra as mulleres, as primeiras, pero tamén as outras, as da guerra, as da alienación, as da masacre e as do esquezo.


G de Gabela e de enGabelar Garabatos. G de Garabatos que fan Grilandas de palabras. Grilandas que fan poemas. Poemas que Gabean polas Gabias do planeta como aGatuñan os Gatos cando andan á xaneira: con ardentía.


H de Handicap. H de Haiku. H de Herbalúa, esa ovella que foi en Saint-Exupèry coñecemento e tenrura.


I de Intrépida. I de Incualificable. I de imaxinativa. I de Inocencia e de Infinito.

K de Kafka e de Kerouac. K de Kiergkegard e de Kaos.


L de Labirinto. L de Labios. L de látego. L de Liberdade. L de Licenzas, as poéticas e as outras. L licantropía e de Lobos nas illas. L de Loucura. L de Lingua, o galego, a Literaria porque coma todos os bechos ten a Lingua gallada.


M de Marilar. M de Muller e M de Mulleres e de Matrias. O discurso oculto do f feMinino fronte ao M de Masculino.
M de Mal, porque as Mulleres aínda non alcanzaron a igualdade, a paridade e a dignidade necesarias para un asalto á República dos Soños, esa Bastilla da Caída do Antigo Patriarcado. M de Medidas, a prol da igualdade, e non M de Muletas e falsos apoios. M de Medidas, as outras, as 90-60-90 da Moda, esa alienación. M de Top Model que xa non aspira a ser unha Máis, unha Muller normal, unha de tantas Mozas que canta en A banda sen futuro. M DE Mensaxe. M de Música “enviada ao baleiro con tinta, chuspe ou sangue, coa esperanza de que ao outro lado alguén a reciba”. M de Medusa, a de A cabeza de Medusa, a súa última obra, que nos fala da violencia sexual e das Metamorfoses, as de Ovidio, e as outras, as que transforman os sapos en príncipes. M de Merlín, o do Premio, (pola obra A expedición do Pacífico), e o outro, o Mago, que tiña amizades con dona Xenebra e con Basilisa, a princesa sapiño e que non gustaba moito de Artures e de Lanzarotes, ou si. M de Madrasta e outros contos real marabillosos deconstruídos. M de Meses e de tempo. M de Mar, o de Toba, e os outros, os soñados, sucados na goleta Resolution polas ondas da liberdade. M de Morrer, de noxo, e de Morte Morrida, esa arañeira que nos esquece, o único irreversible. M de Mangas, as do corte, “para non volver cruzar o foxo dos cocrodilos ata que nos medre, -con M-, a Melena”, tamén con M, e as outras, as Mangas que cobren a nosa pel de Mel, cando todo é adolescencia e Medo. M de Medrar “para deixar de ter furados na alma, furados por onde escapan os días alegres de verán e tamén M de Medrar “para ter furados polos que entran as cousas de fóra”. M de Medo. M de Man. De Man que toca, que apalpa, que apreixa, que amarfaña, que aloumiña, que Modela, que Moldea, que Mata. M coma a letra m que ten tres pés longos coma os pés da formiga coxa, pés andareiros polos solitarios camiños chousados dos cantís da costa da Morte con M. M de Magnolia, de Metáfora, de Misto, de Maiúscula, de Maiúsculo. M de Muro, de Memoria, de Mapa, de Materia priMa, de Maxia, de Mito, de Merendas e Magostos e das últimas coMeMerendas nas tardes de outono. M de Mudanza, de Mamífera, de Murmurio. M de Manchea ou presa de terra (Unha presa de terra, premio por entregas de La Voz de Galicia, e a outra, a da terra que nos redime e nos reinventa). M de Matrimonio. M de Matriarcado. M de Maio, o Mes que Des-Mente a primavera. M de Mel, de Morfoloxía, de Mundo, de Múltiple. M de Mutuo como recíproco.


N de Nada. De Ninguén. De Ningures. De Nunca. De Non e doutros adverbios absurdos para un Catálogo de velenos. N de Nunca máis, madia. n de Nogard e de Norte.


O de Oblicuo. O de Obriga. O de Ozone para respirar de Ondas, Ondaxes e Ondadas para navegar polos Océano de tinta.


P de Patria, a da lingua, que fixo súa con borranchos de luz que son Palabras de Pan. P de Patria, ese estro literario que é Fisterra, a Matria: o Ézaro, As Lobeiras, Toba, a interminable estepa de Rus do Medio, Eiroas, Gumil, Rego Loureiro…P de Palabras arreboladas dende o alto das esparxas. P de Perseo, o heroe que para liberar a súa amada Danae, cortou a cabeza da medusa antes de que Zeus, disfrazado de P de Poeira de Ouro, rachase todos os Pactos, os do corpo e os outros.


Q de Que? Q de Quen? Q de Quo? Q de Quitina e de Queratina, escamas coas que se constrúen escudos, esas máscaras.

R de Rosas e Refachos. R de Respiración. R de Resolution, a goleta do amor Romántico con R. R de Rock and Roll, O da "Caravana" de Ángel Álvarez a finais dos 60; e o Poch, o músico de A banda sen futuro.


S de Seda, a das debandoras de Seda, de “dedos coma vermes e coxas virxes dos trece anos”. S de Sangue, o primeiro, o sangue desa Carapuchiña virxe que foi comesta de amor por un lobo namorado.


T de Teorías, a do Caos, por exemplo, un texto sobre as traizóns que recibiu o premio Xerais en 2001. T de Tempo, o xeolóxico, os millons de anos que tarda en se formar un petón de granito, e T de Tempo ontolóxico, ese que se nos esfarela nos dedos.


U de Ubre, a nosa, a dos mamíferos que nos alimentamos de leite, pero tamén de soños. U de Uvas e acios. U de Ubicuo e Ubicuidade. U de Usar. U de Utopía e Utopías, o reino da palabra, por exemplo.


V de Vaca, a de Fisterra coa chave de alcatrán. V de Vampiros, dese primeiro relato que escribiu, Agardando polos morcegos, e que nos confirma que nas nosas mans vive a maxia.


X de Xermolo e Xermolar. X de Xacios, trasnos e outros seres míticos. X de Xacer e de Xenreira. XXX do Prohibido e do Maldito.


Y de Ying e de Yang, os opostos pero tamén os complementarios, coma no amor.


E Z de Zodíaco e outras constelacións, a da xovenca, por exemplo.

1 comentario: