martes, 2 de junio de 2009

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, TRES CITAS PARA A SÚA CREATIVIDADE






AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ OU REESCRITURA PERMANENTE por Ánxela Gracián

TRES CITAS PARA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ:

1. “L´oevre a comencé beaucoup plus avant de qu´on aie une seule parole ecrite.”
(A obra comezou moito antes de que haxa unha soa palabra escrita”.)

Michel Butor

A importancia da linguaxe e especialmente da linguaxe literaria.

Se repasamos as declaracións, entrevistas, reflexións públicas e mesmo a súa escrita de ficción vemos que as palabras linguaxe, literatura, ler e palabra aparecen infinidade de veces en boca de Agustín. Por iso quizais unha das constantes de toda a súa obra sexa esa aposta polo pracer estético que producen as palabras, ese poder máxico que permite describir o mundo, aprehendéndoo na súa realidade e infinitude. E canda a palabra, Agustín Fernández Paz fala da literatura, como unha ventá á que asomarse para ampliar os horizontes vivenciais. Desta paixón pola palabra e pola literatura, que constrúe mundos posibles nace outro dos piares nos que se sustenta a obra de Fernández Paz: a ficción metaliteria. Un xeito de exercicio metatextual de textos entrecruzados no que a revisitación de outras obras literarias xa escritas, enriquece a lectura, facendo que o lector, coma o escritor, soñe todos os libros, ou soñe un único libro posible que sexa todos os libros, como dixo Eco. En Agustín podemos percibir un mundo paralelo ao real, conformado con tanta forza polo que narra pero tamén polo que le. Ambas partes compleméntanse e a esa arte de colocar palabras e historias nun papel, está esoutra, que é dicirnos que, ao lelas, nos descubrimos a nós mesmos, o que somos e o que soñamos.
A consecuencia final é ese ROTEIRO LITERARIO que algún día alguén escribirá seguramente e que da conta dunha paixón lectora como unha das formas máis desgarradoras e fascinantes de vincularnos á literatura. De aí que Fernández Paz escriba nese espazo de fronteira da literatura xuvenil que non defrauda aos lectores adultos, debido a ese perfecto equilibrio entre as reflexións provenientes das lecturas e a influencia e adecuada elección dunha linguaxe exixente que fai gala dunha aparente pero elaboradísima sinxeleza.

2.:
S´aimer n´est pas se regarder l´un a l´autre
sinon regarder ensemble dans la même direccion.
(Amar non é mirar un para o outro
senón mirar xuntos nunha mesma dirección)


Saint Exupery
A definición e as definicións múltiples do amor
Agustín é un dos escritores da LIX que máis reflexiona sobre a natureza do amor. O amor pasado que provoca dor presente e así os acontecementos evocados invaden a quietude do presente e provocan estados de melancolía. O amor como fractura, como incomunicación, como desamor, a amor como encontro, como fuxida,o amor como imposibilidade de fuxida, as pantasmas do amor, os recantos nos que o amor existiu e as cinzas que deixou a chama do que ardeu, enfermar de amor, sandar de amor, a sensación de amor, a amor non correspondido, o amor platónico. Agustín reflexiona constantemente na natureza e esencia dese sentimento para constatar que deses soños soñados ou soños vividos pero perdidos xorde a nostalxia, a saudade do que fomos e perdemos, e deses dous sentimentos nace a evocación mitificadora do pasado.
3:
“Somos nuestra memoria
Somos ese quimérico museo de formas inconstantes
Ese montón de espejos rotos”.

Jorge Luis Borges
Memoria, evocación e compromiso
A parte do seu compromiso por contar as cousas como foron nunha guerra inxusta e cruel como todas, pero sobre todo silenciada, hai en Agustín Fernández Paz, non tanto ese desexo de axustar contas dicindo nomes e feitos, senón algo así como un uso moral da memoria. Os seres humanos defínense polo que fan e son lembrados polo que fixeron. Por iso cando sonesquecidos polos que nos lembran “inexisten”. De aí que haxa en Agustín esa reinvidación do dereito á memoria, como fundamento moral do dereito de lembrar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario