martes, 22 de septiembre de 2009

POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREA







POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREAS

XORNADA LITERARIA ORGANIZADA POLO CLUB DE LECTURA “GÁLIX “TENDENDO REDES”
Sábado día 26 de setembro de 2009




Navegamos POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREAS
na procura de todas as Ítacas. Ao longo da travesía tornarémonos, da man dos nosos amigos Xabier P. Docampo e Xosé Cobas, ricos en coñecementos e experiencias e aprendemos o que significan todas as viaxes.




Tomamos como referencia a lectura compartida do suxestivo Libro das viaxes imaxinarias, escrito por Xabier P. Docampo, ilustrado por Xosé Cobas e editado por Edicións Xerais de Galicia. A obra abre novas pespectivas respecto do xénero da crónica de viaxes literarias, utilizando como recurso os apuntes dun caderno de viaxes imaxinario, no cal a voz e a mirada sensible do Viaxeiro nos fala dos, ilusións, soidades, encontros, desencontros, espectativas, descubertas, medos cuxo resultado é este fermoso caderno de bitácora para buscadores de illas paraíso.
Estes relatos, que dan forma ás emocións de todo viaxeiro sentimental, van acompañados de leves pinceladas de cor que deixan nas páxinas pegadas emotivas: o vermello do sangue derramado e da paixón con que un se entrega á vida; o branco, da liberdade desexada; o verde, da esperanza de todo imposible regreso; o azul, de todos os ceos; o negro, dos pesadelos e da boca seca; os tons ocres, da terra pisada, esa pel de almanaque.


“Todas as viaxes son un regreso. Calquera viaxeiro retorna á casa desde o momento mesmo en que puxo o pé fóra dela. Hai que volver para contar, para facer da viaxe relato. Por iso os camiños que emprende o Viaxeiro son vieiros que conducen ao coñecemento e á aprehensión da beleza, que tantas veces hai que rescatar do medio da miseria e do mal. Viaxar é ir ao encontro do que nos emociona na súa contemplación e diante do que abandonamos todo desexo de posesión, porque o gozo está en recibírmolo de xeito gratuíto.”Libro das viaxes imaxinarias. Xabier P. Docampo




PROGRAMA “POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREAS”(SÁBADO DÍA 26 DE SETEMBRO)(Lugar: Baía de Baiona e arredores)

PREZO: 44 EUROS
(Inclúe viaxe en goleta, explicacións, talleres e comida picnic).

10.00-10.30. Encontro de todos os asistentes na vila de Baiona, cafetería Monterrei (Rúa Ramón y Cajal, 5. Teléfono: 986 35 54 90). Alí espérannos os amigos do Instituto de Estudos Miñoranos que nos contarán un pouco a historia do IEM.
11.00-12.00. Visita Visita guiada á Colexiata de Baiona e pequeno percorrido polo casco antigo de Baiona a cargo de Xosé Lois Vilar do Instituo de Estudos Miñoranos.
12.00. Embarco no Real Club Náutico de Baiona a bordo da goleta Nauja. (A xente que o desexe pódese incorporar tamén a esta hora).
12.00-13.00. Percorrido dende a baía de Baiona ata as Illas Cíes. Breve historia da recuperación da goleta, obxectivos, proxectos medioambientais, etc. a cargo de Xosé Lois Vilar.
13.00-14.00. Fondeados na baía das Cíes, introdución á narrativa de tradición oral e á narrativa de viaxes a cargo de Xabier P. Docampo.
14.00.15.00. Picnic. (Empanada de atún, carne e polbo. Bocatas fríos. Froita. Sobremesas doces. Bebidas. Refrescos)
15.00-16.00. Escritura, por parte dos asistentes ao club, dunha mensaxe aos rapaces e rapazas de hoxe en día na que se reflicta a necesidade de transmitir ás xeracións vindeiras a rica tradición oral.
16.00-.16.30. Café e baixada a terra e paseo (opcional).
16.30-17.30. O proceso de ilustración do libro As viaxes imaxinarias. Un traballo a catro mans a cargo do ilustrador e pintor Xosé Cobas.
17.30-18.30. Embarco de novo na goleta para o seu regreso a Baiona. Metemos as mensaxes aos rapaces e rapazas dentro dunha botella e guindámolas ao mar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario