miércoles, 14 de octubre de 2009

ARREDOR DE XABIER DOCAMPO



XABIER DOCAMPO



http://xabier-docampo.net/

http://revistababar.com/wp/?p=36

http://www.cervantesvirtual.com/FichaObra.html?Ref=21991&portal=17



Como el di tantas veces, Xabier Docampo "é un neno de aldea, fillo dun pai esencialmente labrego, que tivo algúns oficios durante bastante tempo, e dunha nai costureira", un neno que coñece as primeiras palabras literarias da voz da súa nai, unha aventaxada alumna que acaba converténdose en mestra doutra nena e aprendendo case de memoria o pequeno armario de libros que formaba parte da exigua biblioteca daquela escoliña rural: Quevedo, Góngora, San Juan... pero a súa verdadeira paixón pola literatura nace da lectura incompleta -as primeiras catro páxinas habíaas de ler á idade de trinta anos-, dun exemplar mutilado de A illa do tesouro de Stevenson. Esa vocación, esa perfección, esa voz feita para a narración oral, rexistro no que se revelou un mestre que fascina aos seus oíntes, -como aconteceu unha vez máis a bordo do Nauja, coa súa fermosa e non escrita historia da princesa Ildara e os seus cabelos que se tornan cobras- vénlle xa da infancia, duns pais galegos ata a medula que lle contaron xenerosamente historias que o neno imaxinativo e dotado para a fantasía que foi dende sempre Docampo bebía como quen bebe un maná que nunca o deixará morrer de fame.
"Cando morreu meu pai fóiseme o contador de contos", dixo Docampo nunha ocasión, "esa foi unha das maiores bendicións que recibín na vida, gozar dese pai contador de sucedidos. O sucedido é unha historia que se conta como real por inverosímil que pareza. O narrador é o encargado de dar memoria fidedigna do que pasou, non como algo propio pero si como algo verdadeiro, algo que lle sucedeu a aquel que o contador coñece e de aí a súa misión de dar memoria".
Desa arte de dar memoria do que foi nacerá boa parte da obra literaria de Xabier Docampo, premio Nacional de Literatura, 1994, Cando petan na porta pola noite.
Confesa Xabier que "todo o que escribe o fai por un desexo de contar". Por iso, toda esa tradición oral influíu na súa vocación de escritor dun xeito profundo, que se ve de xeito máis evidente nos contos que nas novelas, na capacidade de descrición de espazos, de lugares e sentimentos, de describilos dende a narración, sen a presenza de diálogos, describilos coma se se contasen en voz alta.
Na xornada do día 26 de setembro, a bordo do Nauja, Xabier Docampo fixo gala unha vez máis da súa capacidade de contador oral capaz de nos trasladar ao mundo de Ildara a princesa dos cabelos que se transforman en cobras porque, como el di, para contar os contos, non hai segredos, nin fórmulas, nin máximas, nin conosellos; "os contos para contalos, hai que contalos ben e punto. Hai que contar contos que a un lle gusten e contar contos cando un ten ganas". Así, o día 26 de setembro, a bordo da goleta Nauja Xabier dende a palabra e Cobas, dende o pincel, contáronnos historias que lles gustaron e que nos conmoveron a pesar do quentísimo "día de herba seca", sen todos, nin tornasoles e desfrutamos de dous dos maiores contadores de historias -dende a palabra e dende a voz- con que se honra este país.
Docampo estuda maxisterio, condicionado polo azar e polo espazo físico de ter que cursar estudos sen se mover da Coruña, unha vez que remata deseguida descobre que a súa vocación é esa, que a escola é un espazo no que se sentir a gusto, e que, de non poder facer cine ou teatro, a aula é un espazo grato co que deleitar coa súa vocación de lector impenitente, voraz, incondicional, selectivo, contar e ler. E logo escribir. Con vinte e cinco anos xa tiña escritas moitas historias que escriba,"non tanto pola vaidade de publicar" senón porque "o bonito era escribir", por ese pracer de verter en letra os personaxes que viven dentro dun.
Coa faceta de escritor Xabier Docampo conxuga ademais a súa faceta de militante a prol da lingua, a galega por suposto, esa batalla a que se entrega coma os vellos guerreiros de ARturo, diposto a vencer, a dalo todo, a deixar a pel na loita porque a causa é nobre e paga a pena.
Ao longo da súa traxectora como mestre e como escritor deixou constancia do seu traballo pero tamén o fixo como home, como cidadán de a pé nado nun país cunha identidade e cultura de seu, que hoxe máis ca outras veces, está sendo ameazada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario