miércoles, 14 de octubre de 2009

A SOMBRA DESCALZA, NARRAR A GUERRA

ARREDOR DE XABIER DOCAMPO



XABIER DOCAMPO



http://xabier-docampo.net/

http://revistababar.com/wp/?p=36

http://www.cervantesvirtual.com/FichaObra.html?Ref=21991&portal=17



Como el di tantas veces, Xabier Docampo "é un neno de aldea, fillo dun pai esencialmente labrego, que tivo algúns oficios durante bastante tempo, e dunha nai costureira", un neno que coñece as primeiras palabras literarias da voz da súa nai, unha aventaxada alumna que acaba converténdose en mestra doutra nena e aprendendo case de memoria o pequeno armario de libros que formaba parte da exigua biblioteca daquela escoliña rural: Quevedo, Góngora, San Juan... pero a súa verdadeira paixón pola literatura nace da lectura incompleta -as primeiras catro páxinas habíaas de ler á idade de trinta anos-, dun exemplar mutilado de A illa do tesouro de Stevenson. Esa vocación, esa perfección, esa voz feita para a narración oral, rexistro no que se revelou un mestre que fascina aos seus oíntes, -como aconteceu unha vez máis a bordo do Nauja, coa súa fermosa e non escrita historia da princesa Ildara e os seus cabelos que se tornan cobras- vénlle xa da infancia, duns pais galegos ata a medula que lle contaron xenerosamente historias que o neno imaxinativo e dotado para a fantasía que foi dende sempre Docampo bebía como quen bebe un maná que nunca o deixará morrer de fame.
"Cando morreu meu pai fóiseme o contador de contos", dixo Docampo nunha ocasión, "esa foi unha das maiores bendicións que recibín na vida, gozar dese pai contador de sucedidos. O sucedido é unha historia que se conta como real por inverosímil que pareza. O narrador é o encargado de dar memoria fidedigna do que pasou, non como algo propio pero si como algo verdadeiro, algo que lle sucedeu a aquel que o contador coñece e de aí a súa misión de dar memoria".
Desa arte de dar memoria do que foi nacerá boa parte da obra literaria de Xabier Docampo, premio Nacional de Literatura, 1994, Cando petan na porta pola noite.
Confesa Xabier que "todo o que escribe o fai por un desexo de contar". Por iso, toda esa tradición oral influíu na súa vocación de escritor dun xeito profundo, que se ve de xeito máis evidente nos contos que nas novelas, na capacidade de descrición de espazos, de lugares e sentimentos, de describilos dende a narración, sen a presenza de diálogos, describilos coma se se contasen en voz alta.
Na xornada do día 26 de setembro, a bordo do Nauja, Xabier Docampo fixo gala unha vez máis da súa capacidade de contador oral capaz de nos trasladar ao mundo de Ildara a princesa dos cabelos que se transforman en cobras porque, como el di, para contar os contos, non hai segredos, nin fórmulas, nin máximas, nin conosellos; "os contos para contalos, hai que contalos ben e punto. Hai que contar contos que a un lle gusten e contar contos cando un ten ganas". Así, o día 26 de setembro, a bordo da goleta Nauja Xabier dende a palabra e Cobas, dende o pincel, contáronnos historias que lles gustaron e que nos conmoveron a pesar do quentísimo "día de herba seca", sen todos, nin tornasoles e desfrutamos de dous dos maiores contadores de historias -dende a palabra e dende a voz- con que se honra este país.
Docampo estuda maxisterio, condicionado polo azar e polo espazo físico de ter que cursar estudos sen se mover da Coruña, unha vez que remata deseguida descobre que a súa vocación é esa, que a escola é un espazo no que se sentir a gusto, e que, de non poder facer cine ou teatro, a aula é un espazo grato co que deleitar coa súa vocación de lector impenitente, voraz, incondicional, selectivo, contar e ler. E logo escribir. Con vinte e cinco anos xa tiña escritas moitas historias que escriba,"non tanto pola vaidade de publicar" senón porque "o bonito era escribir", por ese pracer de verter en letra os personaxes que viven dentro dun.
Coa faceta de escritor Xabier Docampo conxuga ademais a súa faceta de militante a prol da lingua, a galega por suposto, esa batalla a que se entrega coma os vellos guerreiros de ARturo, diposto a vencer, a dalo todo, a deixar a pel na loita porque a causa é nobre e paga a pena.
Ao longo da súa traxectora como mestre e como escritor deixou constancia do seu traballo pero tamén o fixo como home, como cidadán de a pé nado nun país cunha identidade e cultura de seu, que hoxe máis ca outras veces, está sendo ameazada.

jueves, 8 de octubre de 2009

NARRAR A GUERRA, A sombra descalza, AN ALFAYA, XOVES 22 DE OUTUBRO


NARRAR A GUERRA
Lectura compartida con An Alfaya de A sombra descalza
Xoves, 22 de outubro de 2010
De 17 a 19 horas no Consello da Cultura Galega (Praza do Obradoiro, 2ª planta, Santiago de Compostela)

“A guerra é unha femia maldita que casa coa morte”.
An Alfaya. A sombra descalza
A Guerra Civil e a posguerra.
Os tempos da fame.
A historia que nos foi construíndo.
Entendernos a través do pasado.
Os espazos femininos.
Os estereotipos sexuais.
A emigración.
Os segredos.
O matrimonio por conveniencia.
A economía da aldea.
Literatura e memoria.

NARRAR A ADOLESCENCIA, ANXOS EN TEMPOS DE CHUVIA, MÉRCORES DÍA 7 DE OUTUBRO



Proposta gráfica do noso ilustrador Daniel Díaz
NARRAR A ADOLESCENCIA
ANXOS EN TEMPOS DE CHUVIA DE Miguel Vázquez Freire
Mércores, día 7 de outubro de 2010, no Consello da Cultura Galega, de 17 a 19 horas, diálogo co escritor Miguel Vázquez Freire

viernes, 2 de octubre de 2009

NARRAR A ADOLESCENCIA, MÉRCORES DÍA 7 DE OUTUBRO



NARRAR A ADOLESCENCIA a partir da novela Anxos en tempos de chuvia de Miguel Vázquez Freire ou a arte de inculcar valores e responsabilidades a través da literatura.



O descubrimento dun mesmo
Adeus ao reino máxico da infancia
O tránsito cara ao mundo das responsabilidades dos adultos
Adolescencias dolorosas
A vivencia do amor, da morte, das inxustizas


ENCONTRO próximo mércores 7 de outubro de 2009 de 17 a 19 horas na sede do Consello da Cultura Galega (praza do Obradoiro)

CRÓNICA DA XORNADA "POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREA"





CRÓNICA "POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREA"
Uns cantos chegamos cedo a Baiona para facer un percorrido histórico pola vila. Alí guiounos Carlos Sastre, coordinador nacional de Amigos del Románico, quen unha vez máis fixo gala da súa erudición, paixón e frescura por este período histórico que tan fermosos froitos deixou na nosa xeografía.
Coa iconografía da pedra gravada nas nosas retinas, achegámonos ao peirao onde estaba a goleta Nauja. Xabier P. Docampo e Xosé Cobas estábannos esperando, tan guiadiños eles, como dixo Xabier, no pantalán, á mesma beira do Nauja, co sorriso pillabán debuxado na facer.
-A ver que sae desta. Dei talleres en milleiros de sitios, pero nunha goleta é a primeira vez -dixo Docampo coa súa voz áspera e fonda, suxestiva, fermosa.
A voz de quen leva na alma a terra galega; a voz da tenrura, da boa xente que é Docampo. A voz que transmite a paixón que o habita: a de lector compulsivo, voraz que necesita a lectura como supervivencia, a de escritor entregado a unha causa: salvar o galego, salvar os rapaces da perda da identidade, crear unha literatura con alento galego, consolidala, visibilizala. Subimos á goleta.
-Vai un día de herba seca, abofé -dixo Docampo.
A pesar diso, a pesar da calor abafante dun día sen vento no mar calmo da baía de Baiona, ese abeiro íntimo protexido do mar aberto polo espiñazo que son as Cíes, a suor a escorregarlle polas fazulas, os nosos convidados entregáronse por completo a nós. Dérono todo. Primeiro foi Xosé Lois Vilar. un dos maiores promotores do Instituto de Estudos Miñoranos. Xosé Lois Vilar falounos de talasonimia ou a beleza de nomear as nosas pedras, eses fondos mariños tan descoñecidos para os de terra adentro, mapas de nomes transparentes para os que viven do mar. "Olga, laxe, badía, todo no mar está categorizado, os nomes proceden da forma, da virulencia do mar, do chan furado, da necesidade de e guiar na néboa, o mar que leva os nomes dos mariñeiros que o habitan, o Maberes, o Judas... Falounos tamén dos barcos que afundiron na baia... En fin, da necesidade que sentimos dde nomear as cousas para que existan, deses gañegos que fan da palabra "a casa do ser", como dixo Heidegger, para que a palabra non morra nunca.
Logo interviñeron Xabier Docampo e Xosé Cobas. regalándonos as súas palabras e as súas imaxes asemade, con paixón, con humor, con xenerosidade. A paixón de ter emprendido a viaxe cara ás illas, como diría o poeta grego Cavafis, nas viaxes o que importa é quen comparte connosco ese anaco de etmpo que nos foi dado antes de que o reloxo das nosas vidas se pare definitivamente. Nós iamos ben acompañados. Mentres Xosé Cobas pintaba con cores as palabras do mestre da Terra Chá, fluían de seu: "Había unha vez unha princesa que se chamaba Ildara, a dos cabelos de serpes...". Xosé Cobas tecía con cores a imaxe da fermosa princesa Ildara.
A tarde foi devalando devagar e sorprendeunos a tardiña fondeados nas Cíes, coa promesa das illas chamando por nós. Baixamos a terra firme e cada un foi poñendo en papel as súas reflexións que logo lle entregou aos dos mestres como lembranza e aprendizaxe da xornada.
Nesta viaxe os viaxeiros gañamos a partida ao sol ao que vimos morrer un día máis xa cando estabamos tocando porto de regreso outra volta a Baiona.
O noso fotógrafo -ilustrador gráfico das propostas do club- DANIEL DÍAZ, deixou coa súa man de artista os recordos en imaxes.
Un pracer tervos coñecido un pouco máis, Carlos, Xosé Lois, Xabier, Xosé, graciñas tamén Dani e graciñas a todas vós e todos vós por ter vindo con Gálix Tendendo Redes nesta viaxe polos mares de tinta.
graciñas e mil primaveras máis para a lingua galega!

viernes, 25 de septiembre de 2009

POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREAS






XORNADA LITERARIA “POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREA”

ORGANIZA: CLUB DE LECTURA GÁLIX TENDENDO REDES

COORDINACIÓN: Ánxela Gracián

O club de lectura “Gálix Tendendo Redes”, coordinado por Ánxela Gracián, escritora e vicepresidenta da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, Gálix, realizará mañá, sábado 26 de setembro en Baiona, unha nova xornada literaria que, nesta ocasión, leva por título “Por mares de tinta e cantos de sereas”.
Nesta nova edición o club de lectura “Gálix Tendendo Redes”, coma en anteriores edicións, “tende redes” a outras asociacións sen ánimo de lucro, para abordar o pracer de ler dende varios planos, soportes, perspectivas, incluíndo propostas transversais con outras disciplinas. Nesta ocasión, dende a literatura intentamos “tender redes” cara ao ambiente, a historia e a etnografía unindo os nosos esforzos coa Coordinadora Mediombiental de Estudos Mariños, Cenma, encargada de xestionar a goleta Nauja e co Instituto de Estudos Miñoranos. O "NAUJA" é un barco de madeira, aparellado con dous paus que posúe unha ampla e despexada cuberta, o que lle confire ao barco un alto nivel de seguranza para os navegantes sen deixar de ser un barco que mantén ese espírito que desprenden os barcos antigos das mellores novelas de viaxes.
O Nauja pasou a ser xestionado pola Coordinadora para o Estudio de Mamíferos Mariños, organización de ámbito galego e fundadora da SEC, para desenvolver as actividades marítimas na costa galega, de carácter ambiental e de investigación no mar, especialmente centrado no mundo dos cetáceos, pero sen deixar de tratar outros eidos como poida ser a bioloxía, a ecoloxía, a oceanografía, a pesca, a etnografía e outras materias que incidan sobre o mar.

Gálix Tendendo Redes tamén “lanza redes” á historia e a etnografía, a través da colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos.
Para a edición da xornada de mañá Gálix Tendendo Redes contou tamén co apoio de Edicións Xerais de Galicia.
A xornada POR MARES DE TINTA E CANTOS DE SEREAS consistirá nunha navegación literaria e física na procura de todas as Ítacas. Ao longo da travesía tornarémonos, da man dos nosos amigos Xabier P. Docampo e Xosé Cobas, ricos en coñecementos e experiencias e aprendemos o que significan todas as viaxes.




Tomando como referencia a lectura compartida do suxestivo Libro das viaxes imaxinarias, escrito por Xabier P. Docampo, ilustrado por Xosé Cobas e editado por Edicións Xerais de Galicia, ampliaremos os nosos coñecementos do xénero da crónica de viaxes literarias, utilizando como recurso os apuntes dun caderno de viaxes imaxinario, no cal a voz e a mirada sensible do Viaxeiro, o alter ego sentimental de Xabier P. Docampo, nos fala dos, ilusións, soidades, encontros, desencontros, espectativas, descubertas, medos cuxo resultado é este fermoso caderno de bitácora para buscadores de illas paraíso. E a través da imaxe Xosé Cobas dará cor ás emocións deste viaxeiro sentimental, empregando leves pinceladas de cor que deixan nas páxinas pegadas emotivas: o vermello do sangue derramado e da paixón con que un se entrega á vida; o branco, da liberdade desexada; o verde, da esperanza de todo imposible regreso; o azul, de todos os ceos; o negro, dos pesadelos e da boca seca; os tons ocres, da terra pisada, esa pel de almanaque.
A actividade comezará cun encontro de todos os asistentes na vila de Baiona, na cafetería Monterrei (Rúa Ramón y Cajal, 5. Teléfono: 986 35 54 90) entre as 10 e 10.30 da mañá. Logo realizaremos unha visita guiada á Colexiata de Baiona e un pequeno percorrido polo casco antigo de Baiona a cargo de Xosé Lois Vilar do Instituo de Estudos Miñoranos. Ás doce da mañá, embarcaremos no Real Club Náutico de Baiona a bordo da goleta Nauja e faremos un percorrido dende a baía de Baiona ata as Illas Cíes. Xa fondeados na baía das Cíes, nese abeiro íntimo que son todas as illas, Xabier P. Docampo e Xosé Cobas impartirán un obradoiro literario artístico a catro mans no que nos introduciremos de cheo na narrativa de tradición oral e na narrativa de viaxes co desexo de que a palabra que se transmitiu de xeración en xeración dende a noite dos tempos non morra nunca. Teremos un tempo para escribir. E antes das despedidas e de embarcar de novo na goleta Nauja para o seu regreso a Baion, espéranos unha sorpresa, esa sorpresa reservada en todas as viaxes antes
ORGANIZA:


COLABORAN:

CENMA, COORDINADORA AMBIENTAL CONSERVACIÓN DE CETÁCEOS MARIÑOS
IEM, INSTITUTO DE ESTUDOS MIÑORANOS
EDICIÓNS XERAIS DE GALICIA